Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

A Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa estrea a súa edición como Festa de Interese Turístico Nacional

A Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa iniciou hoxe o seu trixésimo segunda edición co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional (FITN). Un título que amplía a proxección dunha exaltación gastronómica que ten xa as miras postas en dar o salto ao ámbito internacional.

 

 

A inauguración do amplo programa de actividades, que se estenderá ata o domingo 9 de agosto, tivo lugar esta mañá coa apertura oficial da carpa gastronómica instalada na Praza do Castro. Con capacidade para ata 600 persoas, este espazo aspira a recibir unha media de 2.600 comensais diarios, tal e como apuntan desde o Concello.

 

 

O acto de apertura dos festexos estivo presidido polo alcalde vilanovés, Gonzalo Durán; polo conselleiro de Cultura, José López; polo deputado provincial e rexedor de Baiona, Jesús Vázquez; a directora de Turismo da Deputación de Pontevedra, Romina Fernández; o tenente de alcalde e deputado provincial, Javier Tourís, así como outros representantes autonómicos, provinciais e locais. Na súa intervención, Gonzalo Durán mostrou a súa satisfacción por conseguir o recoñecemento FITN para a Festa do Mexillón e o Berberecho e adiantou que xa se está empezando a traballar na distinción a nivel internacional. O primeiro edil de Vilanova puxo de manifesto que “cada ano recibimos máis visitantes” o que proxecta o municipio como un destino turístico de referencia que ve reforzada a súa proxección esta celebración.

Neste sentido, tanto Vázquez como López felicitaron ao executivo local polo recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional, xa que supón un “salto de calidade” para a celebración. De feito, o conselleiro de Cultura puxo o evento de Vilanova como exemplo desa “Galicia Calidade” que representa o amplo potencial gastronómico da comunidade autónoma.

Pratos a prezos populares

A carpa gastronómica abriu as súas portas ás 13.00 horas, pero xa antes desa hora empezábanse xa a formar longas colas de comensais que querían degustar algunhas das 8 propostas gastronómicas dispoñibles a prezos populares (entre 7 e 14 euros). Así, pódense probar mexillóns ao vapor, á vinagreta ou tigre, empanada de mexillóns, berberechos ao vapor, croquetas de mexillón, empanadas e polbo á feira, alén de sobremesas, pan e bebidas. O espazo habilitado na Praza do Castro estará aberto en horario de 12.30 a 16.30 e de 20.00 a 00.00 horas.

 

 

Un programa moi completo

A programación da XXXII Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa continuará mañá ás 10.00 horas, coa apertura da XXII Feira de Oportunidades. Unha vintena de establecementos comerciais da asociación Vilanova Centro e de municipios lindeiros ofrecerán os seus artigos de stock a prezos de saldo.

As casetas de venda estarán localizadas na Avenida do Recheo. O horario de apertura ata o domingo 9 de agosto é de 10.00 a 14.30 e de 16.30 a 23.00 horas.

A xornada do venres continuará coa apertura da carpa gastronómica e unha velada ineludible. A orquestra Panorama actuará no Parque do Cabo ás 23.00 horas. A entrada será libre.

Procesión marítima

Para a xornada do sábado a música correrá a cargo do dúo Take it Easy, ás 13.30 horas no Xardín Sombrío, e do grupo Treixadura. Este último actuará ás 22.00 horas na Praza do Castro.

Pola tarde, non faltará a cita coa tradicional procesión marítima en honra á Virxe do Carmen. A comitiva partirá ao redor das 19.00 horas de la Iglesia de San Cipriano para despois realizar o percorrido pola ría ata chegar ao Faro do Seixo, onde se realizará a ofrenda floral en honra ás xentes do mar.

Día grande

O domingo 9 de agosto será o día grande da XXXII Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa. Alén da propia Feira de Oportunidades e da carpa gastronómica, a música chegará ás 12.30 horas co pasacalles da charanga Mekánika Rolling Band.

Ás 13.30 horas terá lugar na praza do Castro o pregón oficial desta Festa de Interese Turístico Nacional, así como da entrega das Insignias de Ouro e Brillantes. Finalizará a celebración coa actuación de Roi Casal no Xardín Sombrío a partir das 21.00 horas.

Toda a información sobre a XXXII Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa pódese consultar na web www.festadomexillon.com, así como nos perfís en Facebook e Instagram do propio evento. Esta celebración é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Abanca.

 

Scroll ao inicio
Ir alocontido Haz clic para escuchar el texto