Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

Imprescindibles

Oficina de Información Turística

A Estación Marítima Mar de Santiago alberga a Oficina de Información Turística de Vilanova de Arousa. Aquí poderás consultar todos os detalles sobre os puntos de interese do municipio, ademais de detalles sobre a oferta de ocio dispoñible no territorio.

Ademais de recibir información sobre as diferentes actividades a realizar, tamén poderás adquirir os billetes para realizar recorridos en barco: tanto paseos pola Ría de Arousa como a Traslatio descubrindo o único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo.

A oferta de información turística está aberta entre os meses de xuño e setembro. O horario de apertura é de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Os domingos a atención ao público é de 10.00 a 14.00 horas.

Como complemento, Vilanova de Arousa conta tamén cun punto de información turística permanente na Casa-Museo Valle-Inclán. Está aberta durante todo o ano e o horario de atención aos visitantes é de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas, martes a sábado, e os domingos, de 10.00 a 14.00 horas. As instalacións están cerradas todos os luns.

Torre de Cálogo

Esta singular torre é o único resto que se conserva do antigo mosteiro beneditino de San Cipriano de Cálogo. Este foi fundado no século XVII por San Fructuoso e foi asediado polos normandos entre os séculos IX e X.

Integrada por perpiaños de granito e base cadrada, no alto da construción pódese ver parte dunha espadana con dous arcos de medio punto, onde se localizarían dúas campás. Ademais, aínda se poden visitar os restos dunha escaleira exterior que estaba pensada para acceder ao campanario.

A súa singular localización, na parte máis alta dun outeiro e separada esta do que sería a estrutura do antigo mosteiro, leva a pensar que se trataba dunha estrutura meramente defensiva. Outra singularidade sobre este enclave é a súa vinculación co Camiño de Santiago, dado o achado dun documento datado do ano 884. Nel faise constar unha doazón ao mosteiro e menciónase especificamente aos peregrinos de Compostela. Esta converteuse, pois, na referencia máis antiga ata o momento sobre as Rutas Xacobeas na comarca.

Casa Museo Valle Inclán

Se por algo é coñecida Vilanova de Arousa é pola súa condición de terra natal do extraordinario literato Ramón María del Valle-Inclán. En pleno corazón da capital municipal atópase a Casa do Cuadrante, lugar onde naceu o escritor o 28 de outubro de 1866, e onde pasou os primeiros anos da súa vida.

Na actualidade, reconverteuse na Casa-Museo Valle-Inclán. O edificio, rodeado dun impresionante e frondoso xardín, consta dunha ampla zona expositiva, recentemente renovada.

A visita comeza na planta baixa cunha sala de exposicións onde faremos un repaso pola vida e obra do escritor, así como os feitos históricos que pasan ao longo da súa vida (1866-1936). Tamén poderás observar as primeiras edicións das súas obras e documentos oficiais que demostran o seu nacemento en Vilanova de Arousa.

No piso superior, atópanse as distintas estancias da vivenda e tamén se pode ver una pequena proxección onde aparece Valle-Inclán xunto ao pinto Julio Romerio de Torres e unha gravación radiofónica coa propia voz do autor lendo un fragmento de Sonata de Otoño. Na mesma planta, atoparás diversos obxectos que pertenceron ao creador do Esperpento.

A entrada ao recinto museístico varía entre os 3 € (tarifa xeral) e os 1,5 € (para visitantes de 13 a 18 anos e maiores de 65, ademais do prezo especial para peregrinos e para grupos). Os menores de 12 anos poden entrar de balde.

Este mesmo enclave inclúese dentro do itinerario valleinclaniano urbano. Este ofrece un completo percorrido por diferentes edificios, tanto eclesiásticos como civís, que permite seguir os pasos de Valle-Inclán no municipio.

A Casa-Museo Valle-Inclán dispón de punto de información turística durante todo o ano. Aquí poderás coñecer todo o que Vilanova de Arousa che pode ofrecer.

Casa Museo Irmáns Camba

Vilanova de Arousa é terra de literatos e así se demostra tamén cos irmáns Francisco e Julio Camba. Na honra destas dúas figuras destacadas do periodismo e das letras, creouse a Casa-Museo Irmáns Camba, localizada no barrio de Vilamaior e é o punto de partida da ruta cultural La Vilanova de Julio Camba.

O edificio que alberga o espazo museístico foi a antiga residencia dos irmáns. Esta construción de estilo tradicional destaca pola súa entrada con escaleira de pedra con conclúe nun patín. Na fachada, pódese ver o escudo nobiliario da familia.

A renovada colección da Casa-Museo está composto por paneis informativos que realizan un completo percorrido á traxectoria de ambos irmáns. Ademais, pódense ver diferentes obxectos de gran valor, como primeiras edicións das súas obras, así como recortes de periódicos, manuscritos, fotografías e folletos e, incluso, obxectos que estes autores utilizaban a diario.

A entrada está incluída coa da Casa-Museo Valle-Inclán.

Pazo Vista Real

Localizado na parroquia de Caleiro, esta casa señorial datada do século XVIII destaca pola súa extraordinaria localización e polo seu entorno natural. Desde o alto do outeiro na que se atopa, pódese gozar dunhas fermosas vistas da Ría de Arousa, converténdose nun miradoiro de excepción a 5 minutos en coche da capital municipal vilanovesa.

O conxunto arquitectónico destaca polo propio edificio, unha capela, unha pequena praza e un edificio anexo. Reformado no seu día, o inmoble está actualmente destinado a uso municipal e alberga un taller de emprego, ademais de diferentes oficinas do Concello de Vilanova. Segundo recolle a memoria popular, o pazo posuía unha magnífica biblioteca, hoxe desaparecida, que segundo contan está enterrada na parte sur-oriental da finca.

O Pazo Vista Real dispón dunha extensión de case 39.000 metros cadrados dos cales 2,5 hectáreas están dedicadas a viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ademais, o recinto destaca polos seus grandes xardíns, antigamente cheos de laranxeiras, camelias e árbores centenarias. Non todos se conservan na actualidade, pero si se poden encontrar varios magnolios de gran envergadura.

O percorrido polos xardíns, ideais para un agradable paseo, levarache a dous fermosos estanques, localizados na entrada principal do recinto. Ademais, poderás atopar unha especie de pérgola -onde antes se tomaban as clásicas fotos de voda-, que adorna un antigo parque infantil, datado do século XVIII.

Playas de O Terrón e As Sinas

Se o teu é o sol e praia, en Vilanova de Arousa temos moito que ofrecerche. Os dous principais areais son os do Terrón e As Sinas. O primeiro está a un paso da capital municipal, ao que accederás cruzando a pasarela peonil que une o Porto de Vilanova de Arousa con esta praia, ben camiñando, ben en bicicleta. Este areal destaca polos seus case 3 quilómetros de area fina e dourada e as súas augas tranquilas, que a fan ideal para desfrutar cos peques da casa.

Pola súa parte, a praia das Sinas localízase a un par de quilómetros do centro urbano vilanovés. Trátase dun dos areais máis coñecidos do municipio e que congrega numerosos bañistas durante a época estival. De feito dispón de numerosos servizos nas súas inmediacións, tanto de carácter hoteleiro como hostaleiro.

Ademais de ofrecerche unhas estupendas vistas da ría de Arousa, caracterizada pola silueta das bateas de mexillóns, nestas dúas praias tamén poderás realizar distinto tipo de deportes acuáticos. Entre eles, paddle surf, kaiak, ou as tradicionais pedaletas.

Miradores de Faro das Lúas e Cruz de Lobeira

Se realmente queres desfrutas dunhas incribles vistas, a visita obrigada é aos miradoiros de Faro das Lúas e de Cruz de Lobeira. Localizados a menos de 8 quilómetros do centro urbano -uns 15 minutos en coche- ofrecen unhas panorámicas de excepción tanto da Ría de Arousa como do Val do Salnés e das Rías Baixas.

Ambos miradoiros se atopan no monte Lobeira, pero a distintas alturas. O primeiro que te atoparás será o Faro das Lúas, que destaca por unha singular escultura metálica que simboliza as distintas fases lunares e que se asenta sobre unha torre de pedra. Nos arredores deste miradoiro poderás realizar unha pequena parada para comer, xa que dispón de bancos e mesas de pedra, ademais dunha ampla zona de arbores.

No punto máis alto, a case 300 metros sobre o nivel do mar, atópase o Miradoiro Cruz de Lobeira. Este enclave destaca por contar cun monumento as vítimas do mar, simbolizado por unha cruz de metal, acompañada por unha placa do Almirantazgo británico, na honra aos mariñeiros falecidos como consecuencia do afundimento do buque escola Serpent. Desde aquí pódense avistar, nun día claro, a illa de Ons, o istmo de O Grove, o val do Salnés e, incluso, a Serra do Barbanza.

Scroll ao inicio