A Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa (Pontevedra-Galicia) celebrou hoxe a súa xornada grande despois de tres días de intensa actividade e miles de asistentes ás diferentes propostas. O acto central foi a lectura do pregón do evento, declarado Festa de Interese Turístico Nacional, e a entrega das Insignias de Oro e Brillantes, máxima condecoración do Concello vilanovés.

Previamente, o programa dominical comezaba coa venda de artigos de stock na XXII Feira de Oportunidades, para despois continuar co pasacalles da charanga Mekánika Rolling Band. A agrupación repetiu pase musical unha vez finalizado o acto oficial da celebración, que tivo lugar na Praza do Castro.

Conducida polo alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, a cita contou cunha nutrida representación de autoridades tanto autonómicas como provinciais e locais, encabezadas polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Ciencia e Formación Profesional, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Pontevedra, José López Diéguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, Pablo Fernández.
Posta en valor do sector bateeiro e marisqueiro
O director de Diario de Arousa -medio que cumpre 25 anos de existencia-, José Pereira, protagonizou o pregón do evento. Na súa intervención, tomou como fío condutor un paseo realizado por Vilanova de Arousa para destacar os seus principais atractivos tanto turísticos como naturais, patrimoniais e, como non, gastronómicos. Neste sentido, Pereira puxo en valor o traballo dos bateeiros, “un duro oficio que loita cada día” por mellorar e que “aposta por calidade” do produto.
Non faltou tampouco a alusión ao marisqueo, representado nesta exaltación gastronómica polos berberechos. Neste punto, aproveitou o pregoeiro para pedir aos numerosos visitantes que se congregaron na Praza do Castro que “non sexan furtivos de bañador”, xa que neses bivalvos que se levan das praias “está o sustento de moitas familias”.
Concluíu Pereira o seu discurso eloxiando o traballo realizado polo Concello pola posta en valor da celebración, á vez que animou ao veciñanza e turistas a desfrutar de todo o que o municipio das Rías Baixas pode ofrecerlles. O alcalde vilanovés, pola súa banda, destacou o traballo desenvolvo por Diario de Arousa durante este cuarto de século, poñendo de relevo o labor levado a cabo nas comarcas de Arousa, O Barbanza e Ulla-Umia.
Insignias de Ouro e Brillantes
Seguidamente, o rexedor deu paso á entrega das Insignias de Ouro e Brillantes que, alén de no propio pregoeiro, recaeron en dúas persoas e unha entidade máis. Esta última foi, precisamente, A Confraría-Taberna Cultural, un espazo gastro-cultural que, en palabras de Durán, “puxo Vilanova de Arousa no mapa” cunha programación anual de actividades, materializada grazas ao esforzo e traballo levado a cabo “por un grupo de mozos do municipio que hai cinco anos decidiu poñer en marcha este proxecto”.
A posta en valor de Vilanova tamén foi un dos aspectos polos que José María Leal Bóveda, galardoado recentemente co premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia pola Universidade de Santiago de Compostela, recibiu a condecoración máxima do Concello. “Reivindicou a historia da nosa terra”, asegurou Gonzalo Durán, encomiando a traxectoria investigadora do homenaxeado.
Finalmente, e tras a entrega da condecoración ao pregoeiro, o rexedor vilanovés tomou a palabra para anunciar a entrega da última Insignia de Ouro e Brillantes ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Gonzalo Durán destacou a proximidade e a claridade do titular do Executivo galego e o apoio demostrado ao Concello á hora de levar a cabo proxectos que redundaron na mellora da calidade de vida da cidadanía. Pola súa banda, Rueda destacou o traballo desenvolvido por Durán ao longo de máis de dúas décadas a cargo do Concello vilanovés e que levou a que o municipio rexistrase unha mellora importante a todos os niveis.
Fin de festa musical
A XXXII Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa finalizou coa actuación de Roi Casal no atardecer. O artista levou o seu espectáculo ao Xardín Umbrío da localidade, repleto de público.
Paralelamente, continuaron as vendas na Feira de Oportunidades, organizada pola Asociación Vilanova Centro, e a degustación dos produtos estrela da celebración na carpa gastronómica da Praza do Castro ata a medianoite. Desde a organización, mostraron a súa satisfacción pola boa resposta de público que rexistrou a cita na súa primeira edición como Festa de Interese Turístico Nacional.
