Lalín foi o escenario escollido para presentar oficialmente a XXXII Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa, unha edición especialmente significativa tras a recente declaración do evento como Festa de Interese Turístico Nacional. O acto, celebrado no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, reuniu representantes institucionais de ambos concellos para promover a gastronomía como un dos grandes sinais de identidade de Galicia e un motor de promoción turística.

O mar e o interior únense para promocionar Galicia
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán; o alcalde de Lalín, José Crespo; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; o concelleiro de Turismo de Vilanova e deputado provincial, Javier Tourís; e a concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco participaron nunha presentación que puxo en valor a colaboración entre dous municipios referentes da gastronomía galega.
Ao longo das intervencións, os participantes coincidiron en destacar a gastronomía como un dos grandes emblemas da identidade de Galicia e un elemento clave para a promoción turística do territorio. A presentación en Lalín serviu tamén para simbolizar a unión entre o mar e o interior, dous espazos complementarios que comparten tradición, produto e cultura, así como para convidar á cidadanía a participar na XXXII Festa do Mexillón e o Berberecho, que converterá Vilanova de Arousa no epicentro da gastronomía mariñeira entre os días 6 e 9 de agosto.
Pechando o acto, Gonzalo Durán puxo en valor que esta edición chega marcada pola obtención do distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional, un recoñecemento que premia máis de tres décadas de traballo conxunto das institucións e do sector do mar para consolidar a Festa do Mexillón e o Berberecho como unha das grandes referencias gastronómicas de Galicia.

Catro días para celebrar o mellor produto das Rías Baixas
A programación da XXXII edición desenvolverase do 6 ao 9 de agosto e combinará a tradicional carpa gastronómica, dedicada ao mexillón e ao berberecho, cun amplo programa musical e cultural no que participarán a Orquestra Panorama, Treixadura, Roi Casal, Take It Easy e a Mekánika Rolling Band. A programación completarase coa Feira de Oportunidades organizada por Vilanova Centro, que se celebrará durante toda a fin de semana.
Como broche á presentación, os asistentes puideron degustar diferentes elaboracións de mexillóns e berberechos preparadas polo alumnado do V Obradoiro de Emprego Mar de Santiago, ofrecendo un adianto da proposta gastronómica que protagonizará esta edición da festa e da versatilidade de dous dos produtos máis representativos das Rías Baixas.