Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

A XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa agarda bater todos os récords de participación

A Estación Marítima Mar de Santiago vén de acoller a presentación do programa da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa. O acto contou coa presenza do alcalde vilanovés, Gonzalo Durán; a deputada de Turismo, Nava Castro, e do tenente de alcalde e deputado provincial, Javier Tourís.

 

Na súa intervención, Gonzalo Durán puxo de manifesto a importancia desta celebración e agarda que “esta trixésima edición da Festa do Mexillón e o Berberecho bata todos os recórds de participación e asistencia”. Cun completo programa de actividades, que se desenvolverán entre os vindeiros días 8 e 11 de agosto, o rexedor animou a cidadanía e visitantes a achegarse a Vilanova de Arousa para gozaren deste evento.

 

Pola súa banda, Javier Tourís tamén animou a residentes e foráneos a participar das actividades previstas e, sobre todo, a deleitar os seus padais coa gastronomía da vila. “Vilanova é o primeiro porto de descarga de mexillón de Europa e durante a nosa festa convértese no epicentro da venta do marisco de Pontevedra”, asegurou, poñendo de manifesto a gran importancia que “o sector do mar ten no PIB do Concello”.

 

Finalmente, Nava Castro felicitou o labor de promoción levada a cabo polo Concello a prol desta celebración. “É un dos exemplos onde uns produtos gastronómicos como o mexillón e o berberecho son quen de converterse nos grandes protagonistas e posicionar un destino como Vilanova como referente”, aseverou a deputada de Turismo de Pontevedra.

 

Precisamente o traballo desenvolvido para poñer en valor dous dos produtos  de referencia do municipio deriva en que “co paso dos anos, a asistencia a  esta cita vai medrando e atraendo maior número de turistas”. Un labor de  promoción que tamén se reflexa na Estratexia Turística Rías Baixas 61,  presentada este pasado luns.

 

Programación da XXX edición da Festa do Mexillón e do Berberecho

A Festa do Mexillón e do Berberecho terá lugar en Vilanova de Arousa entre os días 8 e 11 de agosto. Sobre o programa festivo, o alcalde, Gonzalo Durán, declarou que comezará “coa apertura da carpa gastronómica na Praza do Castro, na que esperamos superar os 5.000 comensais que virán a degustar diferentes receitas cos nosos berberechos e mexillóns”. De cumprirse esta previsión, establecerase un novo récord de asistentes ao espazo, que ano a ano atrae a máis visitantes.

 

O evento continuará coa tradicional Feira de Oportunidades, que reunirá a máis de vinte comercios locais de Vilanova na Avenida de Recheo. As persoas asistentes atoparán neste lugar grandes descontos en roupa, calzado e complementos entre outros artigos. A nivel musical, a Festa do Mexillón e do Berberecho contará coa actuación da Orquestra Panorama o venres 9 de agosto ás 23.00 horas no Parque do Cabo; co concerto de Antonio Barros & Lis Pardo o sábado 10 de agosto ás 22.00 horas na Praza do Castro, e co espectáculo de Roi Casal o domingo 11 de agosto ás 21.00 horas no Xardín Umbrío.

 

Como vén sendo habitual, o día grande da XXX Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa será o domingo 11 de agosto. O acto central comprenderá a lectura do pregón e a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes, que terá lugar ás 13.30 horas na Praza do Castro.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

6 + three =

Scroll ao inicio
Ir alocontido Haz clic para escuchar el texto