A XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho continúa a súa andaina coa apertura da XXI Feira de Oportunidades, organizada por Vilanova Centro, na Avenida do Recheo. La inauguración oficial desta actividade contou coa participación do rexedor vilanovés, Gonzalo Durán; do tenente de alcalde e deputado, Javier Tourís; a presidenta da Asociación Vilanova Centro, Esther Prado, así como outros representantes locais e de empresas colaboradoras con esta iniciativa.
Gonzalo Durán ratificou a boa acollida coa que conta a Feira de Oportunidades, rexistrando numerosos visitantes durante toda a mañá. “Penso que o éxito está asegurado e, ademais, cada vez traen máis cousas e mellores produtos”, asegurou. O alcalde animou a veciñanza e visitantes a achegarse á localidade para descubrir todo o potencial dos establecementos comerciais do municipio e adquirir diverso tipo de artigos a un prezo reducido.
Pola súa banda, Esther Prado, amosou a satisfacción do colectivo porque se está a rexistrar “bastante afluencia de xente”, augurando que este pode ser “un dos mellores anos” no tocante á asistencia a esta cita. A presidenta de Vilanova Centro lembrou que a XXI Feira de Oportunidades estará aberta en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.30 a 23.00 horas. “Hai diversidade de stands, roupa infantil, deportes, zapatería, xoiería… Hai incluso unha carpa de animación para a rapazada que estará aberta tanto pola mañá como pola tarde para que os pais e as nais poidan facer as súas compras tranquilamente”, explicou.
Javier Tourís indicou que esta é dunha das feiras de oportunidades con máis stands de toda a comarca de O Salnés, posicionándoa como unha opción ideal para complementar a visita á XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova. Neste senso, lembrou o amplo programa de actividades, salientando o show desta noite da Orquestra Panorama no Parque do Cabo; a actuación de Milladoiro, mañá na Praza do Castro, e o fin de festa con Roi Casal no Xardín Umbrío.
Dadas as previsións de asistencia de miles de persoas á actuación de hoxe, o Concello conta cun dispositivo especial da Policía Local. Nel habilitáronse varias áreas próximas ao Parque do Cabo nos que se conta con espazo para preto dun millar de prazas de aparcamento para vehículos. Deste xeito, procurarase axilizar o tráfico no centro da vila e facilitar a asistencia ao evento.