Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

Máis de 1.000 quilos de produto para a carpa gastronómica da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa

Vilanova de Arousa ultima todos os preparativos para a posta en marcha da trixésima edición da Festa do Mexillón e o Berberecho. E faino con boas perspectivas. De feito, o alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, augura que entre os días 8 e 11 de agosto “se baterán récords de asistencia, xa que hai moita expectación con respecto á celebración deste ano”.

 

Neste senso, o rexedor salientou que “contamos cun amplo programa, que encherá a nosa vila de propostas para todos os gustos. Esta cita permítenos dar a coñecer o noso potencial turístico, gastronómico, paisaxístico e cultural e que moitas persoas aproveiten para gozar das súas vacacións no noso municipio”, engadiu.

 

O programa oficial da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa comezará este xoves 8 de agosto ás 13.00 horas, coa apertura oficial da carpa gastronómica e a visita de autoridades. Este espazo estará aberto durante as catro xornadas festivas (ata o domingo 11 de agosto).

 

A carpa gastronómica que se instalará na Praza do Castro conformará un dos espazos centrais desta celebración. A súa responsable, Alejandra Salinas, asegurou que, dados os excelentes resultados de participación na anterior edición, se prevé “a utilización de máis de 1.000 quilos de mexillón e berberecho”, superando as cifras anteriores. “De feito, o ano pasado tivemos que abrir antes a carpa, porque había moita xente agardando”, concreta.

 

13 pratos a prezos populares

“Ao igual que no 2023, contaremos cun total de 13 pratos, aínda que os máis demandados sempre son os mexillóns e os berberechos ao vapor, xa que permiten degustar o auténtico sabor destes produtos, e tamén a paella de mariscos”, explica Salinas.

 

As propostas gastronómicas ofértanse a prezos populares, que varían entre os 4 € -das variadas empanadas- ata os 14 € -do polbo á feira-. Completan o menú os mexillóns á vinagreta, en escabeche e tigre, ademais das croquetas de mexillón e berberecho.

 

O horario de venta será de 13.00 a 16.30 e de 20.00 a 00.00 horas. Para poder degustar os pratos deberase adquirir o tique correspondente nas dúas casetas da entrada para despois recoller o pedido e levalo a unha das mesas dispoñibles. A capacidade da carpa gastronómica é de ata un máximo de 400 persoas e soe haber bastante rotación durante cada unha das quendas.

 

Feira de Oportunidades

Outra das grandes citas dentro da Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa será a Feira de Oportunidades, que este ano chega á súa vixésima edición. Instalarase, como en anteriores ocasións, na Avenida de O Recheo, a carón da Praza do Concello.

 

A actividade, organizada en colaboración con Vilanova Centro, ofrecerá un total de 21 expositores nos que outros tantos establecementos asociados á agrupación de comerciantes vilanovesa porán a venta diferente tipo de artigos a prezos de saldo. “Esta cita supón un aliciente moi bo para a campaña de verán, xa que permite liberar o stock das tendas e comercios”, afirma Esther Prado, presidenta de Vilanova Centro.

 

Entre os artigos que se poderán atopar nesta Feira de Oportunidades atópanse “calzado, roupa deportiva, infantil e para persoas adultas, xoguetes, ademais de complementos e bixutería. Tamén contamos con postos de plantas ornamentais, de decoración e ata unha escola de artes”, concreta Prado, que se amosou moi satisfeita pola boa acollida que esta iniciativa ten entre os comerciantes vilanoveses.

 

Ademais, e coa fin de incentivar as compras, “contaremos cun espazo no que se ofrecerán actividades para as crianzas”. Este servizo estará dispoñible tanto o venres pola tarde como o sábado pola mañá.

 

Procesión marítima

A xornada do sábado salientará pola vistosidade da tradicional procesión marítima na honra á Virxe do Carme. O patrón maior da Confraría de Pescadores de Vilanova, Lino Díaz, indicou que se prevé a participación de medio cento de barcos. “Este está a ser un ano moi duro para o marisqueo, pero non podemos deixar de celebrar á nosa patroa e poderemos facelo grazas ao apoio do Concello e de distintas empresas”, afirmou.

 

Os actos comezarán ás 12.00 horas coa misa na igrexa parroquial de San Cibrán. Xa pola tarde, trasladarase a imaxe da santa -que será portada por arredor de 40 mariñeiros- ata a Estación Marítima de Mar de Santiago. Desde aquí partirá ás 19.00 horas a comitiva de barcos engalanados ata o Faro de Seixo, onde se realizará a tradicional ofrenda floral en lembranza das vítimas do mar. Un acto do máis emotivo que integra a veciñanza e visitantes.

 

Xornada grande, 11 de agosto

A xornada grande da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho será o domingo 11 de agosto. O acto central, presidido polo alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, comprenderá a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes da celebración. Terá lugar ás 13.30 horas na Praza do Castro, tras a lectura do pregón.

 

Nesta ocasión, as condecoracións procuran salientar o labor a prol da cultura desenvolvido por María del Carmen Del Valle Galbán, Fernando Casal Tacón e pola Asociación de Amigos de Valle-Inclán.

 

Actuacións musicais

Finalmente, a música será tamén unha das protagonistas da festa na capital vilanovesa. A primeira actuación correrá a cargo da Orquestra Panorama, que actuará no Parque do Cabo o venres 9 ás 23.00 horas. A xornada do sábado 10 contará coa actuación de Antonio Barros e Lis Pardo, ás 22.00 horas na Praza do Castro. O broche final á celebración porao Roi Casal, cun concerto do máis especial que se celebrará o domingo 11 ás 21.30 horas no Xardín Umbrío. A entrada é de balde.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

four × four =

Scroll ao inicio