Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

Inaugurada a XX Feira de Oportunidades con grandes descontos en todo tipo de artigos e servizo de ludoteca para a cativada

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida, vén de inaugurar a XX Feira de Oportunidades, que se desenvolverá na Avenida do Recheo. Esta cita, incluída dentro do programa da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho, “é un dos mellores reflexos da variedade e calidade do noso comercio local”, afirmou o rexedor. Estará aberta ata o domingo en horario de 10.00 a 23.00 horas.

 

En verbas de Durán Hermida, “con esta iniciativa, enriquecemos a ampla programación da nosa festa, amosando ás miles de persoas visitantes o amplo tecido comercial do que dispoñemos no noso municipio. Ademais, supón unha moi boa oportunidade para que as empresas poidan liberar o seu stock para afrontar con máis forza a campaña de inverno”, concluíu.

 

O acto de apertura da Feira de Oportunidades contou tamén coa asistencia do tenente de alcalde e deputado, Javier Tourís, e da presidenta da Asociación de comerciantes Vilanova Centro, Esther Prado. As autoridades realizaron un percorrido polos 22 expositores dispoñibles, sendo un deles un espazo dedicado a ludoteca.

 

Así, e para fomentar as compras, estableceuse un área específica centrada en ofrecer actividades infantís gratuítas. O servizo estará dispoñible desde hoxe ata o domingo en horario de 17.30 a 21.30 horas. Cada xornada contará cun obradoiro específico, comezando hoxe coa proposta “Pinta o teu cadro”. Para mañá prevese un obradoiro de abelorios e para o domingo outro de manualidades. Ademais, todos os días haberá pintacaras.

 

Gastronomía e música

Paralelamente, na Praza de O Castro, a carpa gastronómica traballa a pleno rendemento para servir aos máis de 1.000 comensais que encheron onte este espazo. Alí pódense degustar ata 12 pratos co mexillón e o berberecho como principais ingredientes e a prezos moi axeitados.

 

As primeiras impresións desde a organización apuntan a unha moi boa acollida por parte do público, que desde media mañá fai colas para poder degustar as propostas gastronómicas á venta. Para poder adquirir os pratos, só cómpre achegarse aos dous despachos de billetes que se atopan na entrada a propia carpa para adquirir os vales por cada prato que lles interese. Unha vez retirados, poderanse achegar ata o expositor onde se fará entrega do menú escollido para despois facerse un oco nalgunha das mesas e bancos dispoñibles.

 

A noite de hoxe contará coa gran verbena a cargo da Orquestra Panorama. Comezará ás 23.00 horas no Parque do Cabo e a entrada será de balde.

 

Procesión marítima

Mañá celebrarase a xornada na honra da Virxe do Carme, que estará protagonizada pola Confraría de Pescadores de A Pastoriza. O día comezará coa misa solemne na Igrexa parroquial de San Cibrán ás 12.00 horas, aínda que o momento máis emotivo e vistoso chegará pola tarde.

 

Ás 19.00 horas a imaxe da Virxe do Carme chegará á Estación Marítima Mar de Santiago escoltada por unha comitiva de arredor de 40 mariñeiros. Desde alí, partirá a tradicional procesión marítima -na que está prevista que participen máis de medio cento de embarcacións- que levará á santa ata o Faro do Seixo. Neste punto, realizarase a ofrenda floral en memoria das vítimas do mar.

 

A xornada do sábado concluirá co concerto de Antonio Barros e Lis Pardo na Praza de O Castro. O acceso será libre.

 

Xornada grande

O domingo 11 será a xornada grande da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa. O acto central, presidido polo alcalde, comprenderá a lectura do pregón da celebración, así como a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes. Nesta ocasión, recoñecerase o labor a prol da cultura desenvolvido por María del Carmen Del Valle Galbán, Fernando Casal Tacón e a Asociación de Amigos de Valle-Inclán.

 

Ademais das degustacións na carpa gastronómica e da propia Feira de Oportunidades, ofrecerase unha actuación musical no Xardín Umbrío. Roi Casal porá o broche á celebración cun concerto de balde ás 21.30 horas.

Scroll ao inicio