Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

O Concello de Vilanova de Arousa traballa para impulsar a súa Festa do Mexillón e o Berberecho a nivel nacional

“Levamos meses a traballar nun proxecto que consideramos vital para o desenvolvemento turístico do noso pobo. Despois de conseguir a cualificación de Festa de Interese Turístico de Galicia, queremos dar un salto cuantitativo a nivel nacional coa nosa Festa do Mexillón e o Berberecho”. Así anunciaba o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, a importancia dos labores que se están a realizar desde o executivo local a prol da declaración deste evento como de interese nacional.

 

Un dos seguintes chanzos necesarios para a presentación da solicitude de Festa de Interese Turístico Nacional (FITN) pasa pola aprobación no Pleno municipal que terá lugar este luns 25 de novembro dunha moción de apoio á candidatura do evento. Unha moción que agarde conte co apoio unánime da Corporación vilanovesa.

FMB-GonzaloDuran-Vilanova

 

O rexedor explicou que, para chegar a este punto, “houbo que completar multitude de procesos”, que resultan de obrigado cumprimento para aquelas celebracións que optan a ser declaradas FITN por parte do Ministerio de Industria e Turismo. Entre eles, Gonzalo Durán salientou a renovación a imaxe corporativa do evento, a difusión de contidos sobre a celebración en distintos medios de comunicación nacionais ou a presenza da celebración na contorna dixital a través de espazos de seu. Neste último caso, o alcalde indicou a importancia da creación e xestión de perfís propios da Festa do Mexillón e o Berberecho en dúas das principais redes sociais (Facebook e Instagram), así como da posta en marcha dunha web corporativa, con información detallada sobre a celebración, dispoñible en 3 idiomas e que cumpre cos requisitos de accesibilidade AA da norma UNE 139803:2012.

 

A estes traballos cómpre engadir toda a documentación compilada, xustificada e especificada na memoria técnica que deberá acompañar a solicitude. “Unha vez que sexa aprobada a moción polo Pleno, entraremos na fase final do proxecto”, indica Durán. Esta pasa polo envío do expediente á Axencia Turismo de Galicia para a súa avaliación e emisión de informe favorable á declaración FITN e, finalmente, proceder a formalizar a solicitude perante o Ministerio de Industria e Turismo.

 

Scroll ao inicio
Ir alocontido Haz clic para escuchar el texto