Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

A XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho incrementa o espazo da carpa gastronómica para que poida albergar ata 600 comensais

A Estación Marítima Mar de Santiago vén de acoller a presentación oficial da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa. A cita celebrarase entre os días 7 e 10 de agosto “e agardamos que rexistre un novo éxito de asistencia. Temos unha previsión dun incremento de entre o 15 e o 20% con respecto ao ano pasado”, afirmou o rexedor, Gonzalo Durán. No acto estivo acompañado polo tenente de alcalde e deputado provincial, Javier Tourís, e polas concelleiras vilanovesas Ana María Carballa, Nuria Morgade, Eliana Vidal e Áurea Bermúdez.

 

Unha das grandes novidades desta trixésimo primeira edición do evento será o aumento da capacidade da carpa gastronómica. “O ano pasado quedouse pequena e decidimos ampliar este espazo chegando aos 600 comensais”, indicou Durán.

 

PresentacionXXXIFestaMexillonEOBerberechoVilanova

 

O alcalde de Vilanova de Arousa amosouse moi satisfeito polas “cifras de turismo no noso Concello, que volven a ser de récord”, o que leva a pensar que o evento contará con grande afluencia de visitantes. Durán animou a todo o mundo a achegarse á XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho, “que veña, goce, coma, beba e, sobre todo, que se protexa do sol”, ante a previsión da vaga de calor desta semana.

 

Pola súa banda, Javier Tourís realizou un breve repaso ao programa de actividades da “semana grande de Vilanova de Arousa. Comezaremos o xoves 7, coa apertura da carpa gastronómica ás 13.00 horas e contaremos coa presenza do conselleiro de Cultura”, indicou. Sobre este espazo, indicou que se agarda superar “as máis de 5.000 racións de pratos” con mexillón e berberecho durante as 4 xornadas festivas que se rexistraran na anterior edición.

 

O espazo de degustación habilitarase na Praza do Castro e contará cunha capacidade de ata 600 comensais por quenda. O horario de apertura será de 13.00 a 16.30 e de 19.00 a 23.00 horas. “Cada ano, a Festa do Mexillón e o Berberecho medra exponencialmente e animamos a todo o mundo a achegarse a Vilanova, que foi nomeado recentemente como o pobo máis fermoso da provincia de Pontevedra -por unha recoñecida revista de viaxes-”, concluíu o concelleiro de Turismo.

 

Música para todos os gustos

Outro dos puntos fortes do programa da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa serán as actuacións musicais, sobre as que falou Javier Tourís. “Contaremos novamente co show da Orquestra Panorama, que estará o venres 8 no parque do Cabo desde as 23.00 horas”. O sábado pola noite actuará o recoñecido grupo Milladoiro, na Praza do Castro, ás 21.00 horas. O domingo, día grande da festa, haberá un pasarrúas coa charanga Mekánika Rolling Band ás 12.30 horas e “o broche de ouro porao Roi Casal cun concerto no Xardín Umbrío ás 21.30 horas”.

 

Feira de Oportunidades e procesión marítima

Ademais da degustación de pratos e da música, o evento ofrecerá a XXI Feira de Oportunidades do comercio local, organizada pola Asociación Vilanova Centro. Terá lugar na Avenida do Recheo entre os días 8 e 10 de agosto e o horario de apertura será de 10.00 a 14.30 e de 16.30 e 23.00 horas. Tras a excelente acollida do ano pasado, ofrecerase novamente o espazo de conciliación para que as crianzas poidan gozar de diferente tipo de actividades mentres os seus familiares aproveitan para localizar os artigos e produtos a prezos de saldo nun total de 22 stands comerciais.

 

Non faltará tampouco a cita coa tradición, a través da procesión marítima na honra á Virxe do Carme. Coma en anteriores ocasións, o percorrido da imaxe da patroa das xentes do mar comezará ás 19.00 horas desde a igrexa parroquial de San Cipriano para despois realizar unha primeira parada na Estación Marítima Mar de Santiago. Desde alí, a imaxe da Virxe do Carme partirá ao Faro do Seixo en procesión custodiada por decenas de barcos que lucirán as súas mellores galas para acompañar á Santa. Unha vez no punto de parada, realizarase a tradicional ofrenda floral en lembranza ás vítimas do mar.

 

Toda a información sobre a XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa pódese consultar na web www.festadomexillon.com, así como nos perfís en Facebook e Instagram do propio evento. Esta celebración é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Abanca.

Scroll ao inicio
Ir alocontido Haz clic para escuchar el texto