A XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho reivindicou hoxe na súa xornada grande, o labor desenvolvido polo sector hostaleiro e hoteleiro do municipio, que contribuíu ao “rexurdir do Concello”, tal e como expresou o rexedor vilanovés, Gonzalo Durán Hermida. O acto central deste día foi a lectura do pregón e a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes da celebración.
Entre as autoridades asistentes atopáronse os conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e do Mar, Marta Villaverde, así como o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a directora de Turismo de Pontevedra, Romina Fernández; os deputados delegados de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, e de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, María Isabel Couselo; o tenente de alcalde e deputado, Javier Tourís, e diversos representantes autonómicos, provinciais, comarcais e locais.
O cronista oficial de Vilanova, Benito Leiro, era o encargado de ler este discurso, se ben non puido acudir á cita, debido a unha indisposición. No seu lugar, a concelleira de Educación, Áurea Bermúdez, pronunciou a intervención do xornalista e escritor. Neste texto, realizou, en primeiro lugar, unha loubanza ao sector bateeiro e marisqueiro de Vilanova de Arousa, conformando estes profesionais un pilar básico para “unha industria fundamental para o desenrolo económico de Galicia”.
Seguidamente, o discurso de Benito Leiro repasaba a historia máis recente de Vilanova de Arousa, salientando como mudaron lugares de referencia desde principios do século XX, e como, pouco a pouco, a vila foi evolucionando ata converterse no que é hoxe: unha localidade chea de vida e referencia tamén para os peregrinos que toman aquí o barco para percorrer o único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo ata chegar a Pontecesures e Padrón e, finalmente, seguir a Compostela.
O proxecto de vila literaria
O pregón serviu tamén como ferramenta de reivindicación da localidade como “vila literaria” e tamén o recoñecemento como “conxunto histórico literario” para a súa zona vella, dado que as súas rúas están cheas de alusión a obras de grandes escritores como Valle-Inclán ou os Irmáns Camba, entre outros. Gonzalo Durán tomou a testemuña desta reivindicación para salientar que acadar o título de “vila literaria é un dos proxectos de futuro máis ilusionantes dos vindeiros anos para o noso Concello”.
O rexedor deu paso entón á entrega das Insignias de Ouro e Brilantes, que, nesta trixésimo primeira edición da Festa do Mexillón e o Berberecho, decidiron “centrar na hostalaría, porque Vilanova tivo un renacemento hai unhas dúas décadas e foi medrando, grazas á promoción que se lle fixo en todos estes anos, que se viu sempre apoiada polos grupos hostaleiros que deron a talla. Eles tamén son os responsables de que a xente que veña ao noso pobo fale ben del”, concluíu.
O primeiro homenaxeado foi Óscar Luis Casaldarnos Alonso, xerente do Bar Restaurante Faro da Lúa, que é un dos máis emblemáticos do paseo de Vilanova. O presidente da Deputación de Pontevedra foi o encargado de impoñerlle a Insignia de Ouro e Brilantes a este restaurador.
Seguidamente, viviuse un dos momentos máis emotivos coa entrega da condecoración a Luis Lorenzo Oubiña, do Hotel Camping Arco Iris. Gonzalo Durán salientou o labor desenvolvido por este profesional durante 40 anos, facendo que un pequeno proxecto familiar se convertese nun complexo hotaleiro de referencia e gran calidade en Vilanova de Arousa. A entrega, neste caso, foi realizada polo Conselleiro de Educación, entre os vítores do público asistente a este acto.
A terceira homenaxeada foi Benilde Varela Paulos, propietaria de O Lourancho de Baión, aunando a produción agrícola coa hostalaría. Aínda que Benilde Varela era perruqueira, hai arredor dunha década decidiu apostar por este proxecto hostaleiro familiar que fixo deste establecemento toda unha referencia na zona. A conselleira do Mar foi a encargada de impoñerlle a Insignia de Ouro e Brilantes.
O acto finalizou cunha actuación da Charanga Mekánika Rolling Band, que amenizou as rúas de Vilanova desde mediodía, facendo bailar ás persoas visitantes. Namentras, a carpa gastronómica rexistraba un novo éxito de acollida, con longas colas para adquirir os tiques e degustar os pratos con mexillón e berberecho que nela se poden comer ata hoxe ás 23.00 horas.
A xornada grande da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho comezaba ás 10.00 horas coa apertura da XXI Feira de Oportunidades na Avenida do Recheo, con moi bo ambiente de compras. Desde a organización desta actividade, amosaron a súa satisfacción pola boa resposta do público.
A celebración finalizou co concerto de Roi Casal no Xardín Umbrío. Esta última cita comezou ás 21.00 horas, con entrada de balde.
Multitudinaria procesión marítima e concerto
A xornada de onte caracterizouse pola tradicional procesión marítima na honra da Virxe do Carme. Centos de persoas percorreron a bordo de decenas de barcos engalanados o percorrido da imaxe da patroa das xentes do mar ata o Faro de O Seixo, para finalmente realizar unha emotiva ofrenda floral.
Xa pola noite, a Praza do Castro encheuse de asistentes ao concerto do grupo Milladoiro. Un excelente broche a unha xornada marcada pola tradición.
A XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Abanca.