Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

A XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho abre as súas portas con longas colas de comensais para a súa carpa gastronómica

A XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho vén de abrir as súas portas coa apertura da carpa gastronómica na Praza do Castro. O espazo estrea maior capacidade, albergando ata 600 comensais por quenda, en resposta á demanda do público e coa fin de facilitar a degustación dos variados pratos con estes bivalvos como principais ingredientes.

 

Xa desde as 12.00 horas, os comensais comezaron a formar longas colas para adquirir os seus tiques e poder degustar os diferentes pratos con mexillón e berberecho que se poñen á disposición dos visitantes entre hoxe e o domingo 10 de agosto. Entre o público salientaban tanto os estranxeiros como turistas procedentes de distintos puntos de España.

 

O acto de apertura oficial da cita foi presidido polo alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, e polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López. Tamén participaron neste acto Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra; Lara Meneses, directora xeral de Xuventude; Romina Fernández, directora de Turismo da Deputación de Pontevedra; Nava Castro, deputada provincial de Turismo de Pontevedra, e os seus homólogos en Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, e en Reto Demográfico, Xuventude, Desenvolvemento Rural e Cultura, Jorge Cubela; Sabela Fole, vicepresidenta da Mancomunidade do Salnés, e Javier Tourís, tenente de alcalde de Vilanova e deputado provincial, así como outros representantes locais.

 

InauguracionCarpaFMB2025

 

Previsión de récords de asistencia

Na súa intervención, Gonzalo Durán salientou o progresivo incremento de asistentes de todo o país que a Festa do Mexillón e Berberecho de Vilanova de Arousa leva rexistrando nos últimos anos. Por iso, “agardamos seguir batendo récords de xente nesta edición”. De feito, indicou que “estes días recibimos persoas de diferentes puntos do mundo; ata de Nova Zelanda. E todo isto débese ao traballo realizado a prol de promocionar este pobo que, para nós, é o paraíso”.

 

Pola súa banda, José López gabou a calidade dos produtos gastronómicos localidade, así como o amplo programa de  da festa. “Non hai nada máis acaído que achegarse a Vilanova de Arousa e desfrutar dun dos nosos produtos máis típicos e que nos identifica tanto no resto do mundo, como é o mexillón”, indicou. O conselleiro salientou a importancia deste tipo de celebracións, xa que “proxectan esa imaxe desa Galicia na que conviven a produción artesanal e a modernidade”.

 

Nesa liña tamén se pronunciou Nava Castro, que indicou a valía desta cita para “posicionar a Rías Baixas no ámbito turístico”. E con máis motivo, no caso de Vilanova de Arousa, que definiu como “capital do mexillón” da comunidade autónoma.

 

Finalmente, Javier Tourís lembrou o amplo de programa de actividades que se ofrecerán durante esta “semana grande de Vilanova”, a través dunha celebración que ensalza un produto que representa o “60% do PIB dun municipio que é o primeiro porto de descarga de mexillón de Europa”. Precisamente por isto, apóstase pola continuidade e a proxección dunha cita que esta semana ofrecerá “multitude de actividades” coas que agardan congregar miles de asistentes.

 

CarpaGastronomicaFMB2025

 

Oito deliciosas propostas

A carpa gastronómica estará aberta desde hoxe e ata o domingo en horario de 12.30 a 16.30 horas e de 19.00 a 23.00 horas. Os tiques para os distintos pratos poderanse adquirir nas dúas taquillas que se atopan a carón da propia carpa.

 

En canto ás propostas, poranse a disposición do público 8 pratos diferentes a prezos populares, que oscilarán entre os 5 € ata os 14 €. Mexillóns ao vapor, á vinagreta, e tigre; berberechos ao vapor; empanadas de millo e galega; croquetas de mexillón, paella de mariscos e polbo á feira compoñen o delicioso menú dispoñible.

 

Citas cos saldos e a música

Coa carpa gastronómica como punto común ata o domingo, o programa da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa continuará mañá coa apertura, ás 10.00 horas, da XXI Feira de Oportunidades do comercio local, organizada pola Asociación Vilanova Centro. Un total de 22 casetas instalaranse la Avenida do Recheo e nelas poderanse adquirir todo tipo de artigos a prezos de saldo.

 

Xa pola noite, chegará o show da Orquestra Panorama no Parque do Cabo, ás 23.00 horas. A entrada é de balde e agárdase a asistencia de miles de persoas.

 

Para o sábado, apostarase pola tradición. Por unha banda, coa procesión marítima na honra da Virxe do Carme, que sairá ás 19.00 horas da Igrexa de San Cipriano para despois realizar o percorrido pola ría, ás 19.30 horas. Continuará a tradición pola noite, coa actuación da senlleira agrupación Milladoiro, ás 22.00 horas na Praza do Castro.

 

Día grande

O domingo 10 de agosto será a xornada grande da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa. A música será protagonista da man dos pasarrúas da charanga Mekánika Rolling Band para despois dar paso ao pregón e á entrega das Insignias de Ouro e Brilantes. Finalizará a celebración coa actuación de Roi Casal no Xardín Umbrío a partir das 21.00 horas.

 

Toda a información sobre a XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa pódese consultar na web www.festadomexillon.com, así como nos perfís en Facebook e Instagram do propio evento. Esta celebración é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Abanca.

Scroll ao inicio
Ir alocontido Haz clic para escuchar el texto