Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

A XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa abre as portas de catro intensas xornadas de actividades

A XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa abriu esta mañá as súas portas na Praza de O Castro para dar paso a catro intensas xornadas de actividades. A inauguración do evento estivo presidida polo alcalde, Gonzalo Durán, que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, José López Campos.

 

Tamén asistiron ao acto a vicepresidenta segunda da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Economía e Impulso ao Emprego, Luisa Sánchez Méndez; os deputados de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola Padín; de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, María Isabel Couselo, e de Turismo, Nava Castro, ademais do tenente de alcalde e deputado, Javier Tourís, e da segunda tenente de alcalde e concelleira vilanovesa Eliana Vidal, así como doutras autoridades provinciais e locais.

 

O rexedor salientou a renovada imaxe do evento co gallo da súa trixésima edición, aportando “modernidade e frescura a unha celebración que xa é un referente no calendario festivo estival. Temos por diante catro días cheos de propostas gastronómicas, culturais, tradicionais e de lecer que fan de Vilanova o lugar idóneo para gozar destas xornadas de verán e descubrir a ampla oferta turística coa que contamos no nos municipio”, afirmou.

 

Gonzalo Durán aproveitou a ocasión para agradecer á Xunta e á Deputación de Pontevedra o seu apoio ao evento. “Administracións e veciñanza debemos ir da man á hora de poñer en valor dous produtos de tanta calidade como o mexillón e o berberecho, que conforman, xunto co sector conserveiro e o enolóxico, os principais motores económicos de Vilanova de Arousa”, indicou.

 

Versatilidade gastronómica

 

As autoridades realizaron un percorrido pola carpa gastronómica instalada na Praza de O Castro onde se prevé a asistencia de máis de 5.000 persoas entre hoxe e o domingo. Neste senso, o rexedor vilanovés agarda “que nesta edición da festa batamos récords de participación. De feito, a carpa tívose que abrir antes ao público ante a gran expectación e colas que había para comezar a degustar os variados pratos que aquí se serven”, concluíu o alcalde, quen tamén animou a veciñanza e visitantes a comprobar a versatilidade gastronómica destes bivalvos.

 

Son un total de 13 as propostas gastronómicas ofertadas na carpa da Praza de O Castro, con prezos por ración desde os 4 € -empanadas- ata os 14 € – polbo á feira-. Mexillóns ao vapor, á vinagreta, en escabeche e tigre; berberechos ao vapor; empanadas de millo e galega; croquetas de mexillón e berberecho, e paella de mariscos completan o suculento menú que se pode harmonizar con algún dos viños típicos da zona, coa uva albariño como principal expoñente. A carpa gastronómica abrirá ata o domingo de 13.00 a 16.30 e de 20.00 a 00.00 horas.

 

Propostas en distintos puntos da vila

 

O programa da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho levará as súas actividades a distintos puntos da capital vilanovesa. Así, desde mañá e ata o domingo, a Avenida de O Recheo acollerá a XX Feira de Oportunidades, na que unha vintena de establecementos comerciais asociados a Vilanova Centro ofrecerán os seus produtos e servizos a prezos moi reducidos.

 

A inauguración oficial desta actividade terá lugar mañá ás 13.00 horas. O horario de apertura das casetas de venta será de 10.00 a 23.00 horas. Ofrecerase un servizo de ludoteca para a cativada os tres días de 17.30 a 21.30 horas.

 

Xa pola noite, a actividade trasladarase ao Parque do Cabo. Alí terá lugar a gran verbena da Orquestra Panorama, desde as 23.00 horas e con entrada libre.

 

O sábado 10 salientará pola tradición mariñeira, coa celebración da xornada na honra da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Desde a Confraría de Pescadores organizan a misa na Igrexa parroquial de San Cibrán ás 12.00 horas. Xa pola tarde, a imaxe da santa será trasladada ata a Estación Marítima Mar de Santiago.

 

Desde alí sairá, ás 19.00 horas, a tradicional procesión marítima na que a Virxe estará custodiada por máis de medio cento de barcos engalanados que completarán unha simbólica travesía ata o Faro do Seixo. Neste punto, realizarase unha parada para facer a ofrenda floral en lembranza das vítimas do mar para despois regresar a terra.

 

A actividade regresará pola noite á Praza do Castro, onde terá lugar o concerto de Antonio Barros e Lis Pardo. Comezará ás 22.00 horas e a entrada é libre.

 

Día grande

 

O domingo 11 de agosto conformará a xornada grande da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho. O acto central será a entrega de Insignias de Ouro e Brillantes, que terá lugar ás 13.30 horas na Praza do Castro e estará presidido polo alcalde vilanovés. Nesta trixésima edición do evento, o Concello quixo poñer en valor o labor desenvolvido a prol da cultura por María del Carmen Del Valle Galbán, Fernando Casal Tacón e a Asociación de Amigos de Valle-Inclán.

 

Os festexos finalizarán no Xardín Umbrío co concerto de Roi Casal. A última cita da festa comezará ás 21.30 horas e o acceso é gratuíto.

Scroll ao inicio
Ir alocontido Haz clic para escuchar el texto