Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

A XXX Festa do Mexillón e o Berberecho celebra o “renacemento cultural de Vilanova” coa entrega das súas Insignias de Ouro e Brillantes

A XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa celebra hoxe o seu día grande con éxito de afluencia de visitantes. Así o destacou o alcalde vilanovés, Gonzalo Durán Hermida, que presidiu, xunto cos conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e de Vivenda, María Martínez, e co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, o acto central da xornada. Este comprendeu a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes e o pregón da celebración, á que tamén asistiron numerosos representantes tanto autonómicos como provinciais e locais.

 

Na súa intervención, Gonzalo Durán salientou que “hoxe celebramos o renacemento do pobo, e da súa cultura, cos tres homenaxeados desta trixésima edición da Festa do Mexillón e o Berberecho”. En primeiro lugar, falou sobre María del Carmen del Valle Galbán, quen “ademais de contar con sobrados méritos para recibir este galardón pola súa traxectoria como restauradora de arte renacentista, tivo a amabilidade de ceder o Concello o uso dunha boa parte do Pazo de Rúa Nova, propiedade da súa familia, para o desenvolvemento de actividades culturais”.

AlcaldeVilanovaFMB

 

O presidente da Deputación de Pontevedra encargouse de impoñer a Insignia á homenaxeada. María del Carmen Del Valle Galbán, quen agradeceu “o recoñecemento á cultura” realizado polo Concello cos galardóns deste ano. Na súa intervención, lembrou con moito agarimo a súa infancia no Pazo de Rúa Nova e amosouse “moi contenta de poder colaborar ao abrir este espazo para a cultura e a historia. Ten moitas posibilidades tanto para desfrutar como para facer cursos e estender o legado de Valle-Inclán alén España”, concluíu.

 

El segundo galardón recaeu na Asociación de Amigos de Valle-Inclán. Gonzalo Durán puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade, que “construíu o renacemento cultural de Vilanova de Arousa, con iniciativas como a revista Cuadrante, a entrega dos Premios Mari Gaila e o Festival de Teatro Festivalle”. O conselleiro de Educación entregou a Insignia ao presidente da Asociación, José María Paz Gago, quen agradeceu o recoñecemento realizado polo Concello e lembrou a importancia da figura de Valle-Inclán. “Está considerado como o máis grande escritor da literatura española despois de Cervantes e do teatro universal, despois de Shakespeare. Por isto, sempre reivindicaremos a súa biografía e obra”, concluíu. Paz Gago aproveitou a ocasión para anunciar que “a Asociación vai acoller a outros grandes escritores do municipio, como son os Irmáns Camba, de xeito que nos nosos estudos estarán presentes todos os escritores de Vilanova de Arousa”.

 

Pregón a cargo de Fernando Casal

Finalmente, o rexedor vilanovés definiu ao terceiro homenaxeado e pregoeiro da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho, Fernando Casal Tacón, como “un profesional todoterreno que fixo renacer a cultura e a música en Vilanova. Hai máis de 40 anos, na Igrexa de A Pastoriza deu clases de gaita e moitos dos seus alumnos son agora integrantes de grupos folk de referencia”, engadiu Gonzalo Durán.

 

A conselleira de Vivenda fixo entrega da Insignia de Ouro e Brillantes. No seu pregón, Fernando Casal salientou a importancia de “transmitir o noso legado e a nosa cultura” ás novas xeracións. Neste senso, lembrou os seus tempos como profesor de gaita na Igrexa de A Pastoriza. Desas clases “saíu a Banda de Gaitas de Vilanova, fundada en 1982, e que actuou en destacados lugares”.

 

PregonFernandoCasalFMB

Facendo gala da súa condición de farmacéutico, Casal salientou as cualidades nutricionais do mexillón e o berberecho. “Son uns moluscos moi nutritivos, ricos en proteínas e baixos en calorías”, afirmou, ao tempo que lembrou que na súa época como futbolista formaban parte da súa dieta básica. O pregoeiro animou a residentes y visitantes a desfrutar desta festa e destes deliciosos produtos, e “dunha vila tan bonita e acolledora como Vilanova de Arousa”.

 

Superadas as cifras de la edición anterior

O pregón da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho celebrouse a carón da carpa gastronómica situada na Praza de O Castro, onde se rexistrou una gran afluencia de comensais, superando as cifras da edición anterior. Neste espazo, que constitúe o epicentro da celebración, pódense degustar diferentes pratos con estes bivalvos como principais ingredientes a prezos populares. Unha ocasión idónea para descubrir o verdadeiro sabor dos dous produtos insignia de Vilanova de Arousa.

AmbienteCarpaGastronomicaFMB

 

Pola súa banda, a Feira de Oportunidades, que se desenvolve na Avenida de O Recheo, tamén rexistrou unha gran afluencia de visitantes, especialmente nas xornadas do venres e na de hoxe. Neste senso, desde a Asociación Vilanova Centro amósanse satisfeitos cos resultados rexistrados ata o momento no tocante á asistencia.

FeriaOportunidades01FMB11

 

A XXX Festa do Mexillón e o Berberecho finalizará esta noite co concerto de Roi Casal na Praza de O Castro. A velada que porá o broche de ouro ao programa festivo comezará ás 21.30 horas, con entrada libre.

Scroll ao inicio
Ir alocontido Haz clic para escuchar el texto