Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

O alcalde de Vilanova desvela os nomes das persoas e da entidade galardoadas coas Insignias de Ouro e Brillantes da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida, vén de dar a coñecer os nomes das persoas e da entidade que recibirán as Insignias de Ouro e Brillantes da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho. A celebración terá lugar do 8 ao 11 de agosto, cun amplo programa de actividades.

 

“Como en anteriores ocasións, homenaxearemos a dúas persoas a e unha entidade”, explicou o rexedor. Durán Hermida anunciou que os galardóns recaerán este ano en “María del Carmen Del Valle Galván, Fernando Casal Tacón e na Asociación de Amigos de Valle-Inclán, que salientan pola seu labor a prol da cultura dentro e fóra do noso municipio”.

 

“Teremos a honra de poder entregarlles estes premios o domingo 11 de agosto, día grande da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa “, explicou o alcalde vilanovés. Esta cita terá lugar ás 13.30 horas na Praza do Castro, tras o pregón da celebración.

 

María del Carmen Del Valle Galbán

A primeira homenaxeada é María del Carmen del Valle Galbán. Esta restauradora está fortemente ligada pola súa historia familiar “ás principais orixes de Vilanova. É xunto coa súa irmán, propietaria de parte do Pazo A Rúa Nova -na parroquia de András-, cuxo uso veñen de ceder para potenciar culturalmente o mundo valleinclaniano”, concretou o rexedor.

 

Ademais de agradecer esta firme aposta por potenciar a cultura no municipio, o Concello quere recoñecer tamén “todos os seus méritos profesionais, xa que é unha persoa que dedicou toda a súa vida á arte a á instalación de grandes monumentos, non só en Vilanova, senón tamén fóra dela”.

 

Fernando Casal Tacón

O segundo galardoado será Fernando Casal Tacón, coñecido por ser un dos integrantes de Milladoiro. En verbas de Durán Hermida, “neste caso, o mérito que ten é que fai preto de 40 anos empezou a recuperar a gaita galega ensinándolle a tocar á mocidade de Vilanova en A Pastoriza, máis coñecida como a Igrexa Vella. Era o único local público que había en Vilanova daquela. Alí comezou a dar clase a rapaces e agora algúns deles están en destacados grupos de folk de Galicia”, engadiu o alcalde vilanovés.

 

Asociación de Amigos de Valle-Inclán

Finalmente, a entidade recoñecida este ano coa máxima distinción desta cita é a Asociación de Amigos de Valle-Inclán. Entre os méritos desta organización salientou que “nos puxeron no mapa dos grandes eventos culturais da comarca, de Galicia e de España a través do Festivalle, que conta con grandes representacións e artistas”, representando recoñecidas obras de Ramón María del Valle-Inclán na súa vila natal.

 

“Ademais, esta asociación edita a revista Cuadrante, que é un referente dentro do mundo valleinclaniano”, engadiu Gonzalo Durán. Motivos máis que suficientes para recoñecer todo o labor desenvolvido a prol da posta en valor do grande escritor da Xeración do 98 da literatura española.

 

 A homenaxe a este grupo de impulsores da cultura realizarase na Praza do Castro. Alí tamén terá lugar o pregón da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa.

 

Toda a programación e información sobre esta exaltación gastronómica pódese consultar na web https://festadomexillon.com/ ou nos perfís en Facebook  e Instagram (@festadomexillonvilanova) deste evento.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

four × 3 =

Scroll ao inicio