O cronista oficial de Vilanova de Arousa, Benito Leiro, será o pregoeiro da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho. O acto oficial desta cita terá lugar mañá ás 13.30 horas na Praza do Castro.
Ademais do propio pregón, farase entrega das Insignias de Ouro e Brillantes do Concello. Nesta ocasión, en verbas do alcalde, Gonzalo Durán, decidiuse render “unha ao sector hostaleiro local, que forma parte fundamental da proxección do municipio”. Así, os galardóns recaerán en Benilde Varela Paulos (O Lourancho de Baión); Luis Lorenzo Oubiña (Hotel Camping Arco Iris), e Óscar Luis Casaldarnos Alonso (Bar Restaurante Faro da Lúa). Os tres son profesionais consolidados do sector e, con este recoñecemento, búscase loubar o seu bo facer.
O día grande da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho comezará ás 10.00 horas, coa última xornada da XXI Feira de Oportunidades do comercio local, na Avenida do Recheo. Ás 12.30 horas, haberá pasarrúas da charanga Mekánika Rolling Band. Namentras, a carpa gastronómica abrirá as súas portas na Praza do Castro, para ofrecer diverso tipo de pratos a prezos populares.
O broche de ouro á celebración porao Roi Casal. A súa actuación terá lugar ás 21.00 horas no Xardín Umbrío.
Éxito rotundo coa Panorama
Pola súa banda, o programa festivo rexistrou onte pola noite un grande éxito, coas miles de persoas que se achegaron ao Parque do Cabo para ver o show da Orquestra Panorama. Unha vez máis a agrupación contou cun cheo absoluto, ofrecendo unha actuación que animou ao numeroso público a bailar, cantar e, sobre todo, pasalo ben.
Para hoxe, resérvase a cita coa tradición. Ás 19.00 horas terá lugar a procesión na honra da Virxe do Carme. A imaxe da patroa das xentes do mar saía da igrexa de San Cipriano para despois realizar unha breve parada na Estación Marítima Mar de Santiago. Desde alí, será arroupada por decenas barcos engalanados e pola unha banda de música ata o Faro do Seixo, onde se realizará a ofrenda floral en lembranza das vítimas do mar.
Xa pola noite, a quenda será do recoñecido grupo Milladoiro, que levará os seus ritmos folk á Praza do Castro. A actuación dará comezo ás 22.00 horas e a entrada é de balde.
Toda a información sobre a XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa pódese consultar na web www.festadomexillon.com, así como nos perfís en Facebook e Instagram do propio evento. Esta celebración é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Abanca.