A Alameda Carabela Pinta de Baiona vén de acoller a presentación da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa. O evento celebrarase entre os vindeiros 7 e 10 de agosto e contará cun variado programa de actividades. O rexedor baionés, Jesús Vázquez Almuíña, e a nova directora de Turismo da provincia de Pontevedra, Romina Fernández Pena, participaron no acto que estivo presidido polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida, e polo edil de Turismo e deputado provincial, Javier Tourís Romero.
Na súa intervención, Gonzalo Durán salientou que tanto Vilanova como Baiona teñen “moitos puntos en común”, pero especialmente a súa localización no Camiño Portugués pola costa. “Somos dúas vilas mariñeiras con moita historia e no mesmo Camiño”, afirmou. Ademais, puxo de manifesto a elevada calidade dos produtos estrela do municipio, convidando a todas as persoas asistentes a este acto a degustar os petiscos preparados polo Obradoiro de Emprego de Hostalaría Mar de Santiago, “que leva xa moito tempo e conta con merecida fama” polo seu bo facer.
Neses puntos en común tamén incidiu Jesús Vázquez, que se amosou “encantado de acoller a presentación da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho. Estamos moi unidos a Vilanova, porque é unha vila que ten unhas características moi parecidas ao noso concello e contamos cunha especial relación”, indicou. O rexedor baionés aproveitou tamén para felicitar a Durán polos seus “30 anos na Alcaldía, o que o converte nun dos alcaldes máis antigos de Galicia”.
Javier Tourís aproveitou a ocasión para invitar a cidadanía e visitantes a acudir entre os vindeiros “7 e 10 de agosto a Vilanova. Teremos catro días de actividades, con grandes espectáculos musicais e, por suposto, cunha carpa gastronómica na que poderedes degustar os nosos produtos”. Como adianto das propostas, o concelleiro de Turismo vilanovés indicou que estarán orquestras de renome como a Panorama, que xa é todo un clásico na Festa do Mexillón; agrupacións tradicionais de longa traxectoria, como Milladoiro e artistas de referencia como Roi Casal, ademais dun pasarrúas a cargo da Mekánika Rolling Band.
Pola súa banda, Romina Fernández, que confesou estar no seu primeiro acto como directora de Turismo de Pontevedra, afirmou que “Vilanova e Baiona son dous municipios que representan moi ben a identidade do noso territorio”. Neste senso, ratificou o apoio do ente provincial “á celebración de eventos como esta, xa que poñen en valor festas con alma, que unen tradición e modernidade, atraen visitantes e reforzar a pertenza a un destino”.
Degustación de pratos con mexillón e berberecho
Como breve adianto da versatilidade de ambos os dous bivalvos estrela do municipio, ofreceuse unha degustación de petiscos elaborados polos 20 alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego de Hostalaría Mar de Santiago. Entre as propostas que se puideron degustar atópanse as seguintes: tartar de mexillóns e aguacate; taco crocante de alga nori con mexillón; mexillóns á mariñeira e á vinagreta; ensaladiña de mexillóns; dip de mexillóns; ensalada de xudías brancas, berberecho, salmón afumado e mango, e pastel de mexillón e atún claro. Unhas delicias que puideron degustar as ducias de asistentes á presentación desta mañá na Alameda Carabela Pinta de Baiona.
A presentación da XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa continúa a promoción iniciada o pasado ano, cando se realizou a presentación do evento en A Guarda. “Queremos que a nosa exaltación gastronómica sexa coñecida alén as nosas fronteiras e tanto Baiona como A Guarda conforman puntos estratéxicos para atraer visitantes, especialmente do norte de Portugal, que se encontran entre os turistas que adoitan escoller o noso municipio para pasar as súas vacacións estivais”, explicou Gonzalo Durán.
Toda a información sobre a XXXI Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa pódese consultar na web www.festadomexillon.com, así como nos perfís en Facebook e Instagram do propio evento.