Festa do Mexillón – FMB | Vilanova de Arousa

O alcalde de Vilanova realiza un balance “moi positivo” dunha XXX Festa do Mexillón e o Berberecho “de récord”

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, realizou un balance “moi positivo” da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho, celebrada na localidade entre o 8 e o 11 de agosto, que “foi un auténtico récord de xente no pobo e non houbo outras festas que concentraran tantos asistentes. Cada vez vamos a máis e vemos cambios moi grandes dun ano para outro e oxalá siga así nas seguintes edicións”, afirmou.

 

O efecto chamada da exaltación gastronómica leva tamén asociado un importante retorno económico na localidade. Neste sentido, o rexedor vilanovés destacou “os ingresos nos establecementos da vila e toda a economía asociada ao turismo, cuxos beneficios se notan tamén nos seguintes meses do ano”.

 

Un aspecto que tamén mencionou o tenente de alcalde e deputado provincial, Javier Tourís, que destacou que “a ocupación durante estes días estivo ao 100%, superando os datos do 2023. Xa desde o xoves e ata o domingo pola noite non había posibilidade de reservar en ningún restaurante nin establecemento do pobo. Vilanova está de moda”, sentenciou.

 

No que respecta ao propio programa, tanto Durán como Tourís puxeron de manifesto que a carpa gastronómica se converteu nun dos puntos de referencia dentro da festa. De acordo co primeiro balance realizado desde a organización deste espazo, incrementouse un 42% a cantidade de mexillón e berberecho con respecto ás cantidades empregadas na edición anterior. A carpa gastronómica acolleu unha media diaria de algo máis de 1.500 persoas, sendo o xoves 8 e o domingo 11 de agosto os días de maior afluencia.

 

Auxe do turismo familiar

 

Dentro do programa cultural da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho, a actividade que rexistrou un maior número de asistentes foi a actuación da Orquestra Panorama. De acordo cos datos do informe emitido pola Policía Local de Vilanova, “máis de 5.000 persoas encheron as rúas do pobo, rexistrándose un importante transvasamento dunhas 1.000 persoas procedentes dos campings de O Terrón, que foron camiñando polo paseo propio en grupos familiares de nais/pais/fillos/avós/avoas nun contexto de seguridade absoluta”. Unha proba do auxe do turismo familiar nun municipio que conta cunha ampla oferta de ocio e servizos para todas as idades.

 

Pola súa parte, a tradicional procesión marítima na honra á Virxe do Carme congregou ao redor de 1.500 persoas, incluíndo tanto ás que realizaron a travesía por mar como ás que observaron a homenaxe á Santa desde o peirao. De feito, e segundo explicaron desde a Confraría de A Pastoriza, “houbo xente que tivo que quedar en terra porque non había sitio nos barcos”.

 

Xa na noite do sábado, a Praza do Castro acolleu a preto dun millar de persoas que se achegaron tanto para deleitar os seus padais cos pratos da carpa gastronómica como para desfrutar do concerto Juntos por la música, de Antonio Barros e Lis Pardo. Unha ocasión ideal para combinar a boa mesa con actividades culturais.

 

Satisfacción coa Feira de Oportunidades

 

Outra das propostas centrais da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa foi a XX Feira de Oportunidades. Desde a Asociación de comerciantes Vilanova Centro, mostraron a súa satisfacción cos bos resultados desta edición. “As xornadas máis fortes foron as do venres e, sobre todo, a do domingo”, explicaron.

 

Ademais de aproveitar para liberar o seu stock, os establecementos comerciais participantes valoraron moi positivamente a posta a disposición do servizo de ludoteca. “Resultou todo un acerto e favoreceu as compras”, concluíron desde a Asociación Vilanova Centro.

 

Xornada grande

 

A xornada grande da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho foi unha das máis concorridas. As condicións meteorolóxicas favoreceron que moitas persoas se achegaran á localidade procurando unha alternativa á praia e aproveitando a ampla oferta de propostas organizadas para ese día.

 

A carpa gastronómica superou as cifras de asistencia con respecto á edición anterior e, durante o propio pregón, achegáronse ata a Praza do Castro preto dun millar de persoas. A estas cifras fai falta sumar as máis de 1.000 persoas que desfrutaron do concerto final de Roi Casal no Xardín Umbrío.

Scroll ao inicio